Sunday 05 de May de 2024

O Concello finaliza as obras de urbanización da rúa Rego do Can, en Costa Miño


A partir de agora quedará aberta ao paso e xa poden empezar a concederse as licenzas de primeira ocupación.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acudiu ao acto de recepción das obras de urbanización da rúa Rego do Can, en Costa Miño. Estas obras, xa finalizadas, permitirán que a vía quede aberta ao paso e os propietarios das vivendas alí situadas xa poden solicitar ao Concello as licenzas de primeira ocupación.
Os traballos de urbanización consistiron na instalación dos servizos básicos de electricidade, saneamento e iluminación. Ademais, tamén se acondicionou a vía e instalouse mobiliario público. “Hoxe mesmo informamos a unha familia que estaba á espera de que finalizase a obra e producísese a recepción da vía por parte do Concello para que solicite xa a licenza de primeira ocupación, agora irán completándose o resto das vivendas da vía” explicou Manuel Vázquez Faraldo.
Faraldo explicou que “isto é un paso máis no noso afán de completar dunha vez por todas Costa Miño
que, aos poucos, continúa revivindo e deixando atrás esa imaxe de abandono que caracterizaba ata non
fai moito á urbanización”.
“Está a producirse un cambio radical. Está constatado o crecemento poboacional que experimenta Costa
Miño nos últimos tempos, deixando atrás a desoladora estampa que ofrecían unhas rúas con múltiples
obras inacabadas e que agora están cheas de vida, de familias e nenos, ata o punto de que a
urbanización ten xa unha mesa electoral propia”.